Historia

Historia do Valadouro

No que se refire ós primeiros poboadores do Val, polo que se sabe ata agora aparecen no Paleolítico. Recentemente atopáronse xacementos desta época na parroquia de Cadramón

 

Megalitismo
No Neolítico construíronse monumentos funerarios levantados na terra con cámara interior de pedra xeralmente de gran tamaño. A súa actividade no Valadouro encontrámola na Arca do Chao de Padorno nos montes de Santo Tomé, nome con que se coñece o dolmen propiamente dito, sen esquecer termos vencellados ó folclore como o chamado “Forno ou casa dos mouros” na parroquia de Budián. Estes monumentos situámolos o redor do 2200-2100 a.c.Pertencentes ó período Neolítico e dentro do fenómeno do Megalitismo encóntranse as mámoas; túmulo ou capa de terra e cascote que cobre a arca de pedra.

 

A cultura castrexa 
cultura castrexa vencellada co Bronce Final é observable nos numerosos castros que se poden encontrar no Val e montes circundantes como o castro de Lagoa, o de Recaré, San Tomé e Castro de Ouro, de Bacoi, Santa Cilla, Budián e Santa Cruz.

A súa estrutura con planta circular e no seu interior as vivendas de pedra hoxe en día desaparecidas por efecto da utilización dos mesmos como asentamento de templos parroquiais ou cementerios que finalmente perturbaron o contorno arqueolóxico.

 

Entre a cultura Megalítica e a cultura castrexa, encóntrase a cultura da Idade do Bronce, achados hoxe en día desaparecidos pero que contaban cunha poboación agrícola e gandeira con actividades relacionadas coa explotación de minerais metálicos cuxa cronoloxía se enmarca dentro do Bronce Final ó redor da primeira metade do primeiro milenio a. de C.

 

Romanización
A Romanización no Valadouro é indubidable. Achado de moedas romanas na zona do Cadramón e tamén utensilios de influencia romana achados nos numerosos castros do Val. Cerámica e outros materiais en poboados como o de Santa Cruzdemostran a influencia romana nos séculos II ó IV.

 

Durante a Alta Idade Media o Val presenta aspectos ou características de territorio pouco romanizado; organización en tribus, poboación adicada ó pastoreo complementándose ás veces cunha agricultura rudimentaria e cunha moi baixa densidade de poboación.

 

Dende o punto de vista da cristianización o territorio aparece vencellado á comunidade bretona asentada no norte da actual provincia de Lugo.

 

A chegada dos musulmáns á Península no ano 711 supuxo o asentamento no Val de elementos poboacionais procedentes do sur.

 

 

O Valadouro vive, como o resto da Galicia Medieval, dos anos 1100 ó 1330 un apoxeo do “feudalismo”, escenario de enfrontamentos entre os habitantes da Vila do Castro e o seu Alfoz e os bispos de Mondoñedo. Nesta época creánse as estruturas que con moi poucas variantes se reproducirán na Idade Media e séculos posteriores.

 

Don Pedro Pardo de Cela ou o Mariscal, como se lle coñecía no século XV, está vencellado á historia do Castro de Ouro e o seu Alfoz, así a fortaleza do Castro e a súa veciña Frouseira pasan á historia por ser escenarios da súa prisión e cerco.Os anos transcurridos dende o nomeamento de Don Pedro como comendeiro do bispado hacia 1464, ata a súa prisión e axustizamento en Mondoñedo en 1483, foron suficientes para que o pobo crease a lenda e asociase para sempre ó Mariscal coas Terras do Valadouro.

 

A antiga ermida de Santa María de Ferreira foi construída no lugar que hoxe ocupa a praza de Vila. A existencia da mesma e o desenvolvemento dun mercado corren paralelos ó longo dos séculos XVIII e XIX.

 

A expansión comercial provocada polo auxe dos mercados supón ó xurdimento dunha entidade de poboación que co título de Vila se converte en capital dun concello e dunha comarca.

 

Paralelamente ó derrubo da ermida constrúese a actual igrexa de Ferreira, de estilo neogótico, obra do arquitecto lucense Ruperto Sánchez (1911-1931 nave e ábsides. 1955 torre).

 

A importancia do mercado e o estabelecemento de mercaderes e comerciantes procedentes de Castela e da maragatería estabelecendo os seus comercios ó final das súas rutas leva á creación dun núcleo económico para o Val no século XIX.Tamén por outra banda a afluencia de ricos comerciantes que fixeron o seu capital en Cuba entre finais do século XIX e principios do século XX rematan de elaborar a estrutura do pobo: construción de edificacións, comercios e banca.

 

O crecemento foi rápido e constante e o 27 de Xaneiro de 1894 a rexente Dona María Cristina outórgalle a Ferreira o título de Vila.

 

Se desexas coñecer máis acerca do noso patrimonio podes consultar online os 2 tomos “Inventario do Patrimonio Cultural e Histórico-Artístico do Valadouro”, escritos por Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón