Patrimonio Cultural

Dolmen de Santo Tomé

Tamén coñecido como Arca de Padorno, ubícase próximo ao enclave onde se celebra a tradicional Rapa das Bestas no mes de agosto. Trátase dunha construcción funeraria semienterrada que está formada por catro lousas verticais e unha de cobertura, en cuxo interior atopáronse 20 fragmentos de cerámica lisa e unha lasca de cuarzo. No seu interior tamén habita un musgo luminiscente en cor verde esmeralda coñecido como “ouro de duende” que habita en escasos lugares da Península Ibérica.

Curro de Santo Tomé

O Curro de Santo Tomé é un recinto pechado de madeira onde se leva a cabo a tradicional Rapa das Bestas. Unha festa cultural e turística que ten lugar o primeiro domingo do mes de agosto e que consiste en xuntar os cabalos e eguas que pastan libremente polas zonas altas para o seu marcaxe e corte de crins. Esta festividade celébrase neste curro dende o ano 1986, ano no que foi construído. Antigamente facíase no Curro de Sabucedo, preto do actual, e existen indicios de que xa se celebraba alí nos anos 70 ao pé da casa de Sabucedo.

Prado das Chantas

Trátase dun círculo composto por 250 pedras graníticas que ocupan o perímetro ovalado de máis de 300m e 7ha de campo. Non se puido establecer unha cronoloxía exacta nin tampouco o seu uso orixinal. Algunhas das teorías que se barallan pasan por ser un escenario ceremonial celta, ou ben un crómlech ou círculo lítico prehistórico, aínda que tamén se podería falar dunha antiga construcción medieval para gardar o gando.

Cruz do Pau da Vella

Atópase na Serra do Buio, a 705 metros de altitude, e considérase o marco divisorio entre os concellos de Cervo, Xove, Viveiro e o Valadouro. Trátase dunha cruz exente ou estela antropomorfa realizada en granito.